Premio Illas Sisargas

Dando continuidade ao que xa se está a convertir nunha tradición na convocatoria poética en lingua galega, a Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños convoca o

XII CERTAME DE POESÍA ERÓTICA ILLAS SISARGAS

dacordo coas seguintes

BASES

PRIMEIRA. Poderán optar ao premio todos os autores de calquera nacionalidade, que presenten obras inéditas de temática erótica non premiadas con anterioridade, escritas en lingua galega.
SEGUNDA. Os convocantes establecen un premio único dotado con 1.000 € e a publicación da obra premiada na colección Caldeirón, reservándose durante un prazo de dezaoito meses os dereitos de editala e entregarán ao/á gañador/a trinta exemplares.
TERCEIRA. As obras que serán de temática erótica, terán unha extensión inferior a seiscentos versos, e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN-A4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados.
As obras presentaranse baixo un título ou lema, achegados de plica na que conste o título e/ou o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono.
CUARTA. O prazo de admisión de orixinais remata o día 30 de setembro de dous mil dezasete, e deberán enviarse ao Concello de Malpica de Bergantiños Avda. Emilio González López 1, 15113 Malpica de Bergantiños, indicando no sobre “XII Premio de poesía erótica Illas Sisargas”.
QUINTA. O xurado estará composto por un representante do Concello de Malpica proposto polo Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, un representante da Asociación Cultural Caldeirón proposto polo Presidente desta entidade e o gañador/a do certame inmediatamente anterior a esta convocatoria, quen poderá ser substituído por outra persoa de relevancia nas letras no caso de que, non lle fose posible acepta-la súa participación. Actuará como secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica, e no seu defecto poderá ser nomeado polo Presidente da A.C.Caldeirón.
SEXTA. Os participantes terán a obriga de comunicar á organización a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, en sesión a ser posible única, sendo necesaria a asistencia dos dous tercios dos seus membros.
As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente.
O premio poderá ser declarado deserto ou compartido “ex-aequo” por varios autores/as se o xurado o estima conveniente.
A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2017 e darase a coñecer nos distintos medios de comunicación no marco da Cea das Letras na cal deberá estar presente o/a gañador/a do certame.
SÉTIMA. Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas. Agora ben, os interesados poderán retirar das oficinas do Concello de Malpica, Departamento de Educación e Cultura, as obras non premiadas, no mes seguinte ao fallo do xurado, a partir do día seguinte serán destruídas.
OITAVA. A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.