Quen somos

xa pasaron moitos anos desde aquel dia, había que facer un exercicio de memoria. naquela invernía galega perenne, aproveitando como podiamos dunha noite de sábado, coa preguiza que ten o amencer, a escasos vintecinco metros da casa do pondal, na taberna a barquiña, un amigo, compañeiro de xolda, presentoume ao taberneiro
olla, este é paco souto, poeta
este é paco de tano, escribe contos
no medio daquela conversa, despois de que os clientes marchasen, amodiño igual cá lúa, díxenlle: recítame un poema e eu cóntoche un conto
aquela noite de febreiro, sen que nos o soubésemos, naceu caldeirón
naceu coa intención de deixar atrás a pegada da escuridade longa na costa da morte, naceu para axudar a saciar a sede e a fame de cultura, para abrir os ollos pechos, para sermos libres
naceu ao abeiro dos feros corvos do batallón literario da costa da morte
ainda non tiñamos nome e empezaron os obradoiros de poesía, lendas, novela, guións…
os recitais de poesía, os contos de medo…
poesía, poesía, sempre poesía
a barquiña pechou e o taberneiro abriu local en malpica e seguimos cos recitais, empezamos a promover a cultura popular de noso e fixemos a nosa primeira publicación: “cadernos da fin do mundo”
os recitais xa eran costume, como as discusións sobre a cultura nas tertulias d’o cornecho
música, poesía, algunha exposición de pintura
e paco souto un día deulle nome ao movemento: caldeirón, produtora de obxectos artísticos
ao mesmo tempo publicamos o primeiro libro e, axiña, o segundo
despois, aqueles recitais de poesía erótica case que nos empurraron a darlle forma a algo máis grande: o premio de poesía erotica illas sisargas
botounos unha man o concello de malpica
aí xa nos fixemos maiores, acababamos de deixar atrás a adolescencia cultural
co libro transfusion oceánica abrimos unha nova xanela en caldeiron
e agora mesmo estou completamente seguro de que abriremos máis xanelas a ese mar que rompe a sua carraxe nas pedras do caldeirón para manter alta a memoria do paco souto, fundador de tantas cousas
se a xente non vai á poesía, a poesía terá que ir á xente

Paco de Tano
Asociación Caldeirón

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para o seu correcto funcionamento. Estas cookies non serán tratadas con ningún outro obxectivo.

Máis información aquí

. ACEPTAR
Aviso de cookies