Premio Illas Sisargas

Dando continuidade ao que xa é unha tradición na convocatoria poética en lingua galega, a Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños convoca o
XIX Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas
de acordo coas seguintes
BASES
1) Poderán optar ao premio todos os autores e autoras de calquera nacionalidade que presenten un libro de poesía inédito de temática erótica non premiado con anterioridade e escrito en lingua galega, en calquera das súas normativas recoñecidas.
2) Establécese un premio único de 1.500 € (suxeitos ás retencións correspondentes) e a publicación da 1ª edición da obra na colección Illas Sisargas da Editorial Caldeirón. Esta edición constará de 400 exemplares. Os dereitos de autoría desta primeira edición considéranse cubertos pola contía do premio. Porén, entregaranse en compensación á persoa gañadora 15 exemplares da obra. Editorial Caldeirón resérvase o dereito de edición da obra por un prazo de dezaoito meses.
3) Os textos enviaranse por correo electrónico en formato PDF ao enderezo seguinte
premio@caldeiron.org
Na mensaxe incluiranse dous arquivos, un coa obra e outro coa plica. O arquivo da obra non incluirá ningunha referencia ao autor ou autora. No da plica indicarase o título da obra, o nome completo do autor ou autora, documento identificativo, e todos os datos de contacto.
4) O prazo de admisión de orixinais remata o domingo 15 de setembro de 2024 á medianoite.
5) O xurado estará composto por tres persoas: unha a proposta do Alcalde-Presidente do Concello de Malpica de Bergantiños, outra a proposta da A.C. Caldeirón e o gañador ou gañadora da edición inmediatamente anterior do certame ou, de non ser posible, outra persoa de relevancia no sistema literario. Actuará como Secretario o membro do xurado proposto polo Concello de Malpica ou, no seu defecto, quen designe a A.C. Caldeirón. O xurado decidirá sobre calquera extremo non contemplado nestas bases e a súa decisión será inapelable.
6) As persoas participantes terán a obriga de comunicar á organización a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada, no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do concurso.
O xurado actuará en pleno, a ser posible en sesión única, requiríndose a asistencia de dous dos seus membros como mínimo. As deliberacións serán secretas e delas redactarase a acta correspondente. O premio poderá ser declarado deserto ou compartido “ex-aequo” por varios autores e/ou autoras, se o xurado o estima oportuno. A decisión do xurado terá lugar no mes de novembro de 2024 e darase a coñecer no marco da Cea das Letras. A continuación, darase a coñecer a información aos medios de prensa.
7) Non se manterá correspondencia sobre as obras presentadas.
8) A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases.